O AECT Río Minho e as asociacións de desenvolvemento local do Rio Minho transfronteirizo van asinar Protocolo de Colaboración co obxectivo de promover de forma conxunta os recursos endóxenos do territorio.

O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Rio Minho) organizou o pasado día 13 de xullo no Salón Nobre da Cámara Municipal de Melgaço un Workshop baixo o título “Os recursos endóxenos no territorio do río Miño transfronteirizo”, no ámbito do proxecto REDE_Lab_Minho, co-financiado polo Programa Interreg V A. O Presidente da CM de Melgaço, Manoel Batista, que tamén é presidente da asociación Adriminho, recibiu aos participantes e desexou que este fora o inicio dunha colaboración entre as entidades participantes.

Entre os traballos que ten que desenvolver o Observatorio de Dinámicas Transfronteirizas (ODT) está a elaboración dun informe específico sobre esta temática que o profesor Martínez Cobas, Coordinador do ODT, presentou nesta xornada. Este informe mide algúns dos indicadores máis relevantes na perspectiva económica para coñecer cal é a situación dos recursos endóxenos dos territorios transfronteirizos situados na área do AECT Rio Minho. Os recursos clasificáronse en 3 grandes aspectos: recursos naturais, recursos humanos e recursos produtivos. Os dous primeiros tratan de avaliar os factores de produción e desenvolvemento que existen no territorio, o terceiro trata de avaliar os procesos de transformación destes factores en resultados de mellora no territorio. Ademais, mediuse a calidade de vida do territorio como un resumo do resultado de todos estes recursos.

Tras esta presentación organizouse unha mesa redonda baixo o título “Presentación de experiencias de dinamización de recursos endóxenos no territorio do río Miño transfronteirizo” e na que representantes de asociacións de desenvolvemento local deste territorio presentaron iniciativas desenvolvidas estes últimos anos. Así, falouse de “O marketplace no Vale do Minho” por parte de Adriminho, de “O Pasaporte ao Condado-Paradanta” por parte do GDR Condado-Paradanta, de “A campaña ‘Parte de tí’ por parte da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural e de “O Parque Nacional Peneda-Gerés como un activo do territorio” polo Município de Melgaço, en calidade de anfitrión do evento.

As entidades participantes, as asociacións de desenvolvemento local do sur de Pontevedra e do norte de Portugal (GDR Condado-Paradanta, ADGS Eu Rural e Adriminho), acordaron asinar un protocolo de colaboración co AECT Rio Minho no que se comprometen a dinamizar o propio ODT, apoiar o desenvolvemento das axendas urbanas transfronteirizas que se están a elaborar, promover e participar na convocatoria dos encontros técnicos sectoriais e sesións de participación cidadá e traballar na búsqueda que proxectos comúns que podan ser obxecto de candidaturas a programas de fondos europeos.