28 Jul Nova fase de traballo na configuración dunha Axenda Urbana Transfronteiriza para Arbo-As Neves-Melgaço
O AECT Rio Minho e o grupo de traballo conformado polos concellos de Arbo, As Neves e Melgaço mantivo hoxe unha reunión telemática para abordar a seguinte fase de traballo de cara á configuración dunha Axenda Urbana Transfronteiriza para este territorio.
O secretario técnico do agrupamento europeo, Lois P. Castrillo, adiantou que os concellos contarán en todo momento co apoio técnico do AECT Rio Minho e dunha empresa consultora, quen guiará a execución do proceso. Nun primeiro lugar o grupo de traballo deberá seleccionar dúas áreas temáticas e sobre elas estabelecer as correspondentes liñas de acción. Máis adiante haberá tamén un proceso de participación pública e reunións entre as equipas técnicas e os axentes sociais involucrados.
O programa de capacitación “Axendas Urbanas Transfronteirizas do Rio Minho” intégrase no proxecto “Rede de Apoio ás Dinámicas Locais de Coooperación no Río Miño Transfronteirizo” – Rede Lab Minho”, promovido polo AECT Rio Minho e co-financiado polo Programa Interreg V-A España – Portugal”.