Continúa a capacitación das equipas técnicas municipais para a creación das Axendas Urbanas Transfronteirizas cunha nova sesión online

O programa de capacitación para a creación das “Axendas Urbanas Transfronteirizas das Eurocidades do Rio Minho” continuou hoxe cunha sesión online na que na que participaron os técnicos e técnicas municipais do territorio transfronteirizo.  A reunión serviu para recapitular os coñecementos adquiridos durante as sesións anteriores celebradas a finais do ano pasado de cara aos novos obradoiros previstos para as próximas semanas sobre elaboración de diagnósticos; prospectiva e visión para as Eurocidades; dinamización de axentes e procesos participativos; e definición e estrutura de plans de acción.

A creación das Axendas Urbanas Transfronteirizas, iniciativa impulsada polo AECT Rio Minho no marco do proxecto europeo Rede Lab Minho, é un traballo de cooperación e de planificación conxunta sobre como concibir o espazo transfronteirizo como un área funcional. O obxectivo final será a creación dun documento referencial que facilite e fortaleza a cooperación desenvolvida nas Eurocidades atendendo aos obxectivos de desenvolvemento sostible das Nacións Unidas.

A implantación das Axendas Urbanas no territorio transfronteirizo do Rio Minho, baseadas nos obxectivos definidos polas Axendas Urbanas das Nacións Unidas, a Unión Europea e España, permitirá que o tramo internacional do Rio Minho sexa máis inclusivo, resiliente e sostible.

Trátase dunha idea innovadora que permitirá que as e os técnicos municipais colaboren máis pero sobre todo vai permitir aos concellos aprendan a configurar as súas ideas e os seus proxectos de futuro traballando a un e a outro lado da fronteira.

O Programa de Capacitación “Axendas Urbanas Transfronteirizas das Eurocidades do Río Miño”, enmárcase no proxecto “Rede de Apoio ás Dinámicas Locais de Coooperación no Río Miño Transfronteirizo” – Rede Lab Minho”, promovido polo AECT Rio Minho e co-financiado polo Programa Interreg V-A España – Portugal  dentro do eixo de actuación “Capacitación, información e sensibilización das estruturas locais para a cooperación bilateral transfronteiriza”.