30 Mar A nova Agrupación Galego Portuguesa de Cooperación Transfronteiriza para o Miño aprende da experiencia Verín-Chaves
A nova Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza (AECT) Rio Minho, formada pola Deputación de Pontevedra e a CIM Alto Minho para desenvolver proxectos no territorio da fronteira do Miño, xa está a traballar a pesares de non estar aínda aprobada formalmente. No día de hoxe representantes de ambas administracións, xunto con alcaldes galegos e portugueses da raia, desprazáronse ata Verín para coñecer de primeira man a experiencia da AECT Verín-Chaves.
Esta iniciativa tivo como obxectivo aproveitar o coñecemento da agrupación galego portuguesa da raia seca, que xa leva constituída varios anos e que ten levado adiante proxectos europeos. “Queriamos coñecer unha experiencia real, aproveitar as sinerxias e o coñecemento dunha AECT que xa funciona e aplicar ese ‘saber facer’. Nós estamos en proceso de constitución e podemos aprender moito dos problemas que salvar e de como debemos traballar”, subliñou o deputado Uxío Benítez.
A nova AECT Rio Minho ten intención de ser unha entidade con personalidade xurídica para xestionar fondos europeos, promover e organizar accións de cooperación do territorio de forma directa, así como servir de foro estable sobre o río Miño, no que a día de hoxe están implicadas moitas administracións. Este novo organismo poderá coordinar, a través dunha estrutura con poder para actuar, aquelas actuacións de interese para Miño unindo os dous lados administrativos da fronteira e que en total abranguen 3.312 quilómetros cadrados de territorio e 375.995 habitantes.
Nestes momentos, de feito, a Deputación de Pontevedra e a CIM Alto Minho (que reúnen 16 concellos pontevedreses e outros dez do Norte de Portugal) están tamén á espera da resolución das candidaturas presentadas ao programa Interreg para desenvolver turisticamente o territorio do Miño. A financiación europea para esas actuación podería alcanzar os cinco millóns de euros no caso de aprobarse na súa totalidade.