28 Nov Autoridades locais da tripla fronteira do río Uruguai visitan o territorio do Rio Minho para coñecer de primeira man o modelo de cooperación transfronteiriza miñoto
Unha delegación do Comité para o desenvolvemento da tripla fronteira do Río Uruguai -que conecta Uruguai, Arxentina e Brasil-, composta por 15 persoas entre persoal técnico e representantes de entidades locais dos tres países latinoamericanos, recalou hoxe no territorio do Rio Minho Transfronteirizo para intercambiar experiencias sobre a xestión de fronteiras delimitadas por ríos e coñecer de primeira man o modelo de cooperación miñoto, así como os proxectos transfronteirizos desenvoltos arredor da bacía galego-portuguesa.
Tras unha serie de visitas institucionais ás eurocidades, a comitiva foi recibida no Parador de Tui nun acto no que estiveron presentes o director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, o subdirector do mesmo agrupamento, Rui Pedro Teixeira Ferreira, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, o presidente da Cámara Municipal de Valença, José Manuel Carpinteira, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, así como unha ampla representación das alcaldías do territorio.
O encontro é unha importante oportunidade para intercambiar coñecementos entre dous casos fronteirizos moi semellantes. Nesta liña, o director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, fixo fincapé nos desafíos comúns que ambos territorios presentan no referido ás cuestións ambientais. En concreto, no caso do río Miño, adiantou que “un gran reto que hai por diante neste momento é o de crear un instrumento de gobernanza que realmente xestione en común a fronteira fluvial do río Miño e a súa contorna natural”, explicou o directivo. O río Miño, a pesar de tratarse dun espazo baixo protección ambiental europea (Rede Natura 200o) presenta diversas problemáticas ecolóxicas que é necesario acometer, engadiu Benítez.
Dende o AECT Rio Minho aspírase a pór de acordo a todas as institucións e administracións que teñen competencias sectoriais a nivel ambiental para pór en marcha un proxecto inversor de saneamento integral.
Intercambio de experiencias entre fronteiras hídricas
A iniciativa consiste nunha visita de estudo organizada polo AECT Rio Minho e a Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE) e enmárcase dentro do programa de Cooperación Triangular do proxecto Adelante2 da Unión Europea para o fortalecemento da gobernanza transfronteiriza nas concas hídricas, do que forman parte ademais a Autoridade Binacional boliviano-peruana do Lago Titicaca, o Congreso de Intendentes de Uruguai e o Comité de Desenvolvemento desa conca.
A xornada comezou con diferentes visitas institucionais ás eurocidades do territorio, que continuarán mañá martes, onde a delegación puido coñecer de primeira man os traballos de cooperación desenvoltos do territorio do Rio Minho Transfronteirizo.
Tras a recepción institucional que se celebrou no Parador de Tui, o programa continuou pola tarde coa celebración dun “Seminario eurolatinoamericano sobre desenvolvemento e gobernanza local nas concas hídricas internacionais”.