AECT Rio Minho realizou reunión de seguimento do proxecto REDE_GOV_MINHO

A AECT Rio Minho realizou hoxe, en Valença, unha reunión técnica de seguimento do proxecto REDE_GOV_MINHO – Rede de Gobernanza do Río Miño Transfronteirizo, iniciativa cofinanciada polo Programa Interreg VI-A España–Portugal (POCTEP).

O proxecto ten como obxectivo reforzar a gobernanza transfronteiriza no territorio do Río Miño, promovendo unha rede estable de cooperación institucional, capacitación técnica, produción de coñecemento e implementación de accións piloto en áreas estratéxicas como mobilidade, cultura e políticas sociais.

Durante a reunión realizouse o punto de situación global da execución do proxecto, analizando o traballo xa desenvolvido e as accións previstas ata finais de 2026.

Entre os principais avances presentados destacan:

1. Estruturación da rede de gobernanza transfronteiriza
Consolidouse o funcionamento do Grupo de Traballo Técnico (GTT), creado en outubro de 2023, que vén coordinando as principais liñas de acción do proxecto, nomeadamente capacitacións, axendas urbanas, observatorio e proxectos piloto.

En 2025 desenvolvéronse tamén accións de capacitación para a xestión de servizos públicos transfronteirizos, incluíndo visitas técnicas aos municipios, foros territoriais e formación especializada en gobernanza, cultura e cooperación territorial.

2. Dinamización das Axendas Urbanas do Río Miño

Presentouse igualmente o inicio das dúas novas axendas urbanas transfronteirizas:
– Eurocidade do Miño – integrando Arbo, A Caniza, Crecente, Melgaço e As Neves
– Eurocidade da Foz do Río Miño – integrando Caminha, A Guarda e O Rosal

Os traballos desenvolveranse en catro fases: planificación, diagnóstico, marco estratéxico e plan de acción.

3. Observatorio e coñecemento do territorio

No ámbito da consolidación da rede de coñecemento e información, foi adxudicado o servizo de dinamización do Observatorio de Dinámicas Transfronteirizas do Río Miño, que permitirá actualizar dez áreas temáticas e lanzar informes mensuais baixo a designación Barómetro do Río Miño.

4. Accións piloto en mobilidade e cohesión social

A reunión permitiu igualmente facer seguimento dos proxectos piloto previstos:
a. mobilidade flexible no territorio interior do Río Miño;
b. mobilidade sustentable entre Tui e Valença;
c. promoción da igualdade e conciliación na Eurocidade Vila Nova de Cerveira-Tomiño;
d. desenvolvemento da Eurocidade Cultural do Estuario do Miño;
e. iniciativas conxuntas para envellecemento activo na Eurocidade Monção-Salvaterra de Miño.

Investimento e horizonte temporal

O proxecto conta cun investimento actual de 657.602,78 €, cofinanciado polo Programa Interreg VI-A España–Portugal (POCTEP), con execución ata decembro de 2026.

A través desta iniciativa, a AECT Rio Minho continúa a afirmarse como instrumento estratéxico de cooperación entre Portugal e Galiza, promovendo solucións conxuntas para un territorio máis cohesionado, innovador e sustentable.