O AECT Rio Minho aproba o plano de actividades e orzamento para 2020

A asemblea xeral da Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño, AECT Rio Minho, vén de aprobar o plano de actividades e orzamento para 2020, cun investimento global de cerca de 300.000 euros cofinanciado en parte polo Programa Interreg V A.

No 2020, o AECT Rio Minho reforzará a creación de redes de dinámicas locais de cooperación transfronteiriza das eurocidades do río Miño a través do lanzamento do proxecto ‘Rede de apoio ás dinámicas locais de cooperación do Río Miño Transfronteirizo-Red LaB Minho’, así como o desenvolvemento da ‘Estratexia de cooperación intelixente para o Rio Miño Transfronterizo – Smart Minho’, ambos cofinanciados polo Programa Interreg V A.

Destacan, neste último, o desenvolvemento de proxectos piloto de mobilidade sustentable, no ámbito do Plan de Mobilidade Sustentable Transfronteiriza; as accións de promoción do patrimonio cultural inmaterial transfronteirizo e a dinamización de fórums culturais, co obxectivo de reforzar a cohesión dos axentes culturais locais transfronteirizos, con vistas a crear alianzas para a posta en marcha de proxectos culturais en rede.

Como acto previo ao inicio da asemblea produciuse a toma de posesión dos novos e novas representantes da delegación da Deputación Provincial, composta polos alcaldes e alcaldesas dos concellos de Arbo, As Neves, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, Tomiño, O Rosal, A Guarda, Ponteareas, O Porriño e A Cañiza. A alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, será a nova secretaria da mesa da asemblea. Posteriormente, o director do AECT Rio Minho e deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benitez, realizou a exposición do plano de actividades e o orzamento para o 2020.

As alcaldesas e alcaldes de Tomiño, O Rosal, Salceda, Arbo, As Neves, Salvaterra de Miño, A Guarda, Ponteareas, O Porriño e A Cañiza tomaron posesión como novas representantes delegadas da Deputación de Pontevedra na asemblea celebrada esta semana

A identificación de obstáculos para a mobilidade transfronteiriza no territorio do río Miño e o deseño de propostas de solucións tamén serán prioridades a ter en conta neste exercicio buscando, por un lado, capitalizar os proxectos levados a cabo por Uniminho (saúde, transportes e medio ambiente) e, por outra banda, continuar participando na iniciativa B-Solutions – Boosting Growth and Cohesion in EU Border Regions, promovida pola Comisión Europea e pola Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa.

Tamén, no ámbito do proxecto Preservación e valorización do Río Miño Transfronteirizo – Visit Rio Minho, cofinanciado polo Programa Interreg V A, poranse en funcionamento accións relacionadas coa estruturación e a promoción da marca Rio Minho, mediante a participación en feiras e a organización de viaxes de prensa ao territorio transfronteirizo.

Durante a reunión, a asemblea xeral do AECT Rio Minho tamén aprobou a presentación das candidaturas para que ‘As artes de pesca nas pesqueiras do río Miño’ (continuando co traballo iniciado polo CIM Alto Minho, tamén no ámbito do proxecto Smart Minho, cofinanciado polo Programa Interreg V A), se rexistren no Inventario Nacional do Patrimonio Cultural Inmaterial en Portugal e nas listaxes estatais de Patrimonio Cultural en España.

O AECT Rio Minho é un instrumento de cooperación con personalidade xurídica propia constituído en febreiro de 2018 pola Comunidade Intermunicipal do Alto Minho e pola Deputación Provincial de Pontevedra, con vistas a promover a cooperación territorial transfronteiriza.