A zona transfronteiriza do Miño reforza o destino común na BTL de Lisboa

O Turismo do Porto e Norte de Portugal e a AECT Rio Minho presentaron, na BTL – Bolsa de Turismo de Lisboa, o proxecto Visit Rio Minho Plus, reforzando a cooperación institucional entre as dúas entidades na afirmación do Río Miño como destino turístico transfronteirizo de referencia.

A sesión desenvolveuse no stand do Turismo do Porto e Norte de Portugal e destacou o traballo conxunto que se vén desenvolvendo na estruturación de produtos turísticos integrados entre a rexión do Miño e Galicia, consolidando unha estratexia común de valorización territorial.

Cofinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Programa Interreg V-A España–Portugal (POCTEP) 2021–2027, o Visit Rio Minho Plus intégrase na visión a longo prazo de construción dun destino conxunto entre dous territorios historicamente ligados, potenciando recursos naturais, culturais e enogastronómicos como activos estratéxicos de desenvolvemento.

A presentación estivo acompañada por un momento de degustación de viños representativos do territorio, poñendo en valor o Albariño como símbolo dunha identidade compartida e dun sector produtivo que gaña dimensión a través da cooperación entre Portugal e España.

Para o presidente do Turismo do Porto e Norte de Portugal, Luís Pedro Martins, este proxecto intégrase nunha visión estratéxica máis ampla de construción dun destino conxunto entre dous territorios veciños:

“Este é un proxecto moi importante porque forma parte da estratexia do Turismo do Porto e Norte de Portugal de construír un destino conxunto entre dous territorios de dous países que son, de feito, países irmáns. Iniciamos un traballo estruturante co turismo e o clúster de Galicia, creando o que é o primeiro clúster dunha eurorrexión. Agora é fundamental darlle dimensión. O Visit Rio Minho Plus reforza esa estratexia ao promover a creación de produto turístico común entre os axentes privados dos dous territorios e ao permitir avanzar cara á promoción exterior de maneira conxunta, valorizando os activos que compartimos.”

Tamén o director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño, José Manuel Vaz Carpinteira, subliña o significado estratéxico do proxecto no contexto da cooperación entre Portugal e España:

“’Un río, dous países, grandes experiencias’ é máis ca un slogan: é a expresión dunha cultura compartida e de produtos turísticos construídos conxuntamente entre Portugal e Galicia. O Río Miño non separa, une. Ao afirmalo como destino común, estamos a transformar esa ligazón histórica nunha oportunidade concreta de desenvolvemento económico e de valorización estratéxica do territorio. A presentación na BTL representa unha oportunidade para dar visibilidade a este potencial ante o mercado e para afirmar internacionalmente a ambición desta cooperación.”

A presenza conxunta na BTL simboliza o compromiso do Turismo do Porto e Norte de Portugal e da AECT Rio Minho en consolidar un modelo de cooperación eficaz entre Portugal e España, promovendo unha gobernanza compartida e creando condicións para que axentes públicos e privados desenvolvan produtos turísticos integrados con dimensión internacional.