29 Nov A sinatura dun protocolo de colaboración coa Conca do río Uruguai, un paso máis cara a creación dunha rede de fronteiras fluviais
O AECT Rio Minho e o Comité para o Desenvolvemento da Conca do Río Uruguai (CCRU) -fronteira fluvial que conecta Brasil, Arxentina e Uruguai-, asinaron onte un protocolo de colaboración entre as dúas entidades para continuar co intercambio de experiencias sobre xestión de fronteiras hídricas. O acordo chega durante a visita de estudo que o CCRU está a realizar ao territorio do Rio Minho Transfronteirizo, durante a cal se celebrou un seminario entre ambas institucións para pór en común os seus modelos de xestión de fronteiras hídricas.
O Agrupamento Europeo de Cooperación Transfronteiriza do Rio Minho leva traballando dende hai tempo para impulsar unha rede de fronteiras fluviais que facilite o intercambio de coñecementos e favoreza a cooperación entre os seus membros. As particularidades que afectan a este tipo de fronteiras, segundo sinalou o director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, presente na firma do convenio, son moi semellantes, sobre todo no que se refire á xestión ambiental, hídrica e social. Durante o ano 2020 incrementáronse as relacións institucionais con casos similares como o do río Guadiana, Rin ou a Conca do Uruguai, participando en varios seminarios e reunións internacionais telemáticas e durante o presente ano estanse a desenvolver visitas de estudo e reunións presenciais.
Durante o encontro, que se está a celebrar estes días no territorio do Rio Minho Transfronteirizo e remata hoxe, os e as representantes das entidades locais da chamada “Fronteira de Paz” -onde coinciden Brasil, Arxentina e Uruguai- puideron comprobar in situ as grandes similitudes existentes entre a fronteira latinoamericana e a miñota. As problemáticas ecolóxicas, a xestión da auga ou a realidade socioeconómica de ambos territorios presentan grandes semellanzas ás que se poden buscar solucións comúns.
A visita do CCRU enmárcase á súa vez na iniciativa de Cooperación Triangular da Asociación de Rexións Fronterizas Europeas (ARFE), da que o AECT Rio Minho tamén forma parte, xunto coa Autoridade Binacional boliviano-peruana do Lago Titicaca e o Congreso de Intendentes de Uruguai e o CCRU. O seu obxectivo é fortalecer as capacidades económicas, sociais e ambientais destas entidades. Os encontros terán continuidade o próximo ano 2023 con novas reunións en Puno (Perú) e en Paysandú (Uruguai).