20 Set A Cultura e o Patrimonio alén das fronteiras, tema clave para o AECT Rio Minho no II Encontro de AECT Ibéricos 2023
O AECT Rio Minho participou no II Encontro de Agrupamentos Europeos de Cooperación Territorial da Península Ibérica 2023, en Vigo, que finalizaba onte dous días de ponencias, charlas sobre cooperación e de compartir ideas.
O encontro, organizado polo AECT Galicia – Norte de Portugal, contou coa presenza de case 30 entidades e dos AECT’s transfronteirizos ibéricos. Alí, foron presentados os programas Interreg e os instrumentos básicos de cohesión, poñendo en común diferentes ideas. O futuro tamén tivo cabida cunha conferencia sobre innovación para afrontar desafíos comúns.
Finalmente, o AECT Rio Minho presentou a súa proposta no elemento cultural do territorio centrada, precisamente, na cultura e no patrimonio cultural alén das fronteiras. O punto clave, sempre, tender pontes e non muros.
Con todo, o AECT Rio Minho participou nesta segunda edición do encontro xunto a outras institucións e agrupacións de cooperación territorial como a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte (CCDR-N), a Dirección Xeral de Política Rexional (DG REGIO) a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, as Eurocidades do Río Miño, a Eurorrexión Aquitania/Euskadi/Navarra, a Eurocidade Chaves-Verín, a AECT Duero-Douro, Eurorrexión Pirineos Mediterráneo, entre outros.