14 Dec A Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal recibe á AECT Rio Minho
A entidade amosou a súa preocupación ao respecto da redución de fondos europeos de cooperación transfronteiriza para o período 2021 – 2027
O AECT Rio Minho reuniuse esta semana co presidente e a vicepresidenta da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDRN), Fernando Freire de Sousa e Ester Gomes da Silva, para tratar o marco financeiro 2021–2027 dos fondos europeos e achegarlles as conclusións da Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030. No encontro participaron o director da entidade, Uxío Benítez; o vicepresidente, Jõao Fernando Brito Nogueira, e o secretariado técnico da AECT.
Durante a reunión, Uxío Benítez transmitiu súa preocupación ao respecto da redución de fondos para cooperación transfronteiriza no próximo marco financeiro plurianual dos orzamentos europeos para o período 2021 – 2027, que afectarían directamente aos proxectos desenvolvidos entre a fronteira do sur de Pontevedra e norte portugués. Dende o AECT sinalouse a importancia destes fondos para o territorio transfronteirizo, historicamente menos desenvolvido, e que hoxe en día se enfronta á problemáticas cruciais como o avellentamento ou a emigración por falta de perspectivas laborais.
Esta mesma preocupación foi transmitida á Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do goberno de España, durante a reunión mantida o pasado 11 de decembro, na que foron presentadas as candidaturas promovidas pola AECT Rio Minho e a Deputación de Pontevedra á segunda convocatoria do Poctep 2014 – 2020.
Próximas reunións
Así mesmo, o 18 de xaneiro está previsto un encontro co Secretário de Estado da Valorização do Interior de Portugal, João Paulo Catarino, para seguir tratando estas cuestións e a planificación dos próximos investimentos no territorio.
O AECT Rio Minho tamén ten solicitada unha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, para tratar estas mesmas cuestións, así como a proposta de formulación dunha Inversión Territorial Integrada (ITI) no territorio do Río Miño Transfronteirizo.