VISIT_RIO_MINHO_PLUS leva a dimensión transfronteiriza ao debate internacional sobre turismo

 

O AECT Rio Minho participou na coorganización do XVIII Congreso Internacional de Turismo, que reuniu en Vigo especialistas de catro continentes e situou o turismo transfronteirizo entre os temas de reflexión sobre o futuro do sector.

A Universidade de Vigo acolleu, os días 1 e 2 de outubro, o XVIII Congreso Internacional de Turismo – ITC’26, que reuniu máis dun cento de especialistas de catro continentes e presentou 137 traballos científicos de arredor de 260 autores, de máis dunha ducia de nacionalidades, vinculados a 52 institucións.

Coorganizado pola Universidade de Vigo, CiTUR, ECOBAS e polo VISIT_RIO_MINHO_PLUS, o congreso constituíu tamén unha oportunidade para que o AECT Rio Minho reforzase a dimensión transfronteiriza do debate sobre o turismo e dese a coñecer o traballo desenvolvido entre Portugal e Galicia na construción dunha oferta turística articulada arredor do Rio Minho.

Intelixencia artificial, sustentabilidade, transformación dixital, territorio, hostalaría, novos produtos turísticos e os impactos do turismo nas comunidades estiveron entre os temas analizados ao longo dos dous días, nun programa que reuniu persoal investigador, representantes da administración pública, empresas e profesionais do sector.

Un territorio que se constrúe entre as dúas marxes

A participación do AECT Rio Minho na coorganización do ITC’26 permitiu achegar o debate científico á experiencia concreta de cooperación desenvolvida no territorio transfronteirizo.

O río e a paisaxe, as fortalezas e os camiños, a cultura e as tradicións, a gastronomía e os viños constitúen recursos que atravesan a fronteira e que atopan na diversidade e complementariedade das dúas marxes unha oportunidade para a creación dunha oferta turística conxunta.

Foi precisamente esta realidade a que José Manuel Vaz Carpinteira, Director do AECT Rio Minho, destacou na sesión de clausura:

“A cooperación transfronteiriza ten que producir cambios concretos na vida dos territorios. E o turismo é talvez un dos mellores exemplos. Quen nos visita non ve competencias administrativas nin límites institucionais. Busca lugares, persoas e experiencias.”

Esta visión está na base do VISIT_RIO_MINHO_PLUS – Consolidación da marca Rio Minho e creación de novos produtos turísticos transfronteirizos, que reúne institucións, entidades de turismo, universidades e municipios dos dous países arredor dunha estratexia común de valorización turística do territorio.

O proxecto procura consolidar a marca Rio Minho e desenvolver produtos turísticos capaces de integrar recursos das dúas marxes, convertendo a fronteira nun elemento de diferenciación do destino.

Do congreso ao territorio

O propio programa do ITC’26 levou esta perspectiva fóra da Universidade e ofreceu ás persoas participantes dúas experiencias no territorio do Rio Minho.

Na experiencia “Navegando entre Fortalezas”, as persoas participantes percorreron Tui e Valença, con paso pola Fortaleza de Valença, a Ponte Internacional e a Catedral de Tui, nun itinerario vinculado ás fortalezas, ao Camiño de Santiago e ás memorias da fronteira.

Unha segunda proposta tivo o río como elemento central, cun paseo en barco polas illas do Rio Minho, complementado cunha visita á Bienal de Cerveira.

As dúas experiencias mostraron, no propio territorio, a posibilidade de combinar nun mesmo percorrido recursos, patrimonio e propostas turísticas de Portugal e Galicia, dando expresión concreta á construción dun destino transfronteirizo.

Cooperación para consolidar a marca Rio Minho

Para o AECT Rio Minho, o reto pasa por dar continuidade ao traballo desenvolvido con entidades e axentes dos dous países, consolidar as experiencias creadas e reforzar a marca Rio Minho.

Neste proceso, os fondos Interreg–POCTEP teñen unha importancia particular nos territorios de fronteira, ao permitir achegar institucións e poboacións, conectar servizos e ofertas e desenvolver solucións conxuntas que dificilmente poderían construírse de forma illada en cada unha das marxes.

A diversidade e a complementariedade do territorio constitúen, así, un dos principais activos para afirmar o Rio Minho como destino turístico transfronteirizo e crear novas razóns para coñecelo e regresar.

Unha idea que José Manuel Vaz Carpinteira sintetizou na clausura do ITC’26: “un río, dous países e grandes experiencias.”

O VISIT_RIO_MINHO_PLUS reúne o AECT Rio Minho, CIM Alto Minho, Deputación de Pontevedra, Turismo do Porto e Norte de Portugal, Axencia de Turismo de Galicia, AGACAL, ADRIMINHO, Universidade de Vigo, Universidade Politécnica de Viana do Castelo e os Concellos de Tui e Salvaterra de Miño.

O proxecto está cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Interreg España–Portugal (POCTEP) 2021–2027.