O AECT Río Miño lanza o programa “Vive o Río Miño ao Máximo” e convida á cidadanía a “Sentir a Corrente”

O AECT Rio Miño presentou, o pasado 22 de maio de 2026, no marco do proxecto VISIT_RIO_MINHO_PLUS, o novo programa “Vive o Río Miño ao Máximo”, unha iniciativa que pretende reforzar a promoción do territorio transfronteirizo do Río Miño a través da cultura, a creatividade, o turismo e as experiencias ligadas ao río.

O evento reuniu representantes institucionais portugueses e galegos, alcaldes e alcaldesas dos municipios do territorio do AECT Río Miño, entidades rexionais de turismo, universidades, asociacións de desenvolvemento local, axentes turísticos e náuticos, estruturas ligadas aos xeodestinos de Galicia, autoridades marítimas, socios do proxecto, medios de comunicación e diversas entidades públicas e privadas asociadas á valorización e promoción do territorio transfronteirizo do Río Miño.

A iniciativa intégrase no proxecto VISIT_RIO_MINHO_PLUS, cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Interreg VI-A España–Portugal (POCTEP) 2021-2027, e conta coa participación do AECT Río Miño, CIM Alto Minho, Turismo do Porto e Norte de Portugal, Deputación Provincial de Pontevedra, Axencia de Turismo de Galicia, Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Adriminho, os municipios de Tui e Salvaterra de Miño, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo e a Universidade de Vigo.

Na sesión de presentación destacouse o papel estratéxico da cooperación transfronteiriza como instrumento de desenvolvemento económico, valorización territorial e proxección internacional do Río Miño, reforzando a importancia de transformar os recursos e a identidade común en oportunidades concretas para o territorio.

Baixo o slogan “Un río, dous países, grandes experiencias”, o programa “Vive o Río Miño ao Máximo” pretende achegar emocionalmente as persoas ao territorio, incentivando visitantes e comunidades locais a descubrir, vivir e compartir o Río Miño a través das súas paisaxes, cultura, gastronomía, patrimonio, natureza e experiencias auténticas.

 

Durante o evento foron tamén presentados os primeiros “Embaixadores do Río Miño”, Bianca Barros e Alberto Ribas, recoñecidos pola súa vinculación co territorio e polo traballo de promoción da identidade transfronteiriza entre Portugal e Galicia.

A iniciativa pretende igualmente reforzar a relación entre valorización turística e sustentabilidade ambiental, promovendo unha visión integrada do territorio que combine desenvolvemento, protección ambiental, navegabilidade e preservación do ecosistema do Río Miño.

O AECT Río Miño destacou tamén o traballo que vén desenvolvendo no ámbito do Pacto do Río Miño, mobilizando entidades portuguesas e galegas para unha resposta conxunta aos desafíos ambientais e estratéxicos do territorio.

Nas palabras de José Manuel Vaz Carpinteira, “co lanzamento deste programa, o AECT Río Miño pretende consolidar o posicionamento do Río Miño como un destino turístico transfronteirizo diferenciador, sustentable e asentado nunha identidade compartida entre Portugal e Galicia.

‘Sentir a Corrente’ asúmese así como un convite colectivo ao descubrimento dun territorio único, marcado pola cooperación, pola cultura, pola natureza e polas persoas que dan vida ao Río Miño.

Porque queremos que o Río Miño continúe unindo Portugal e Galicia non só pola memoria, senón tamén pola visión de futuro que queremos construír conxuntamente.”