14 Feb AECT RÍO MIÑO DEFINE LIÑAS ESTRATÉXICAS PARA 2025
O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial – AECT Río Miño reuniuse onte, día 13 de febreiro, en Valença, para aliñar as principais liñas estratéxicas de actuación para 2025.
Reforzar a cooperación transfronteiriza, apostando en proxectos estratéxicos para o desenvolvemento do territorio e potenciando as sinerxías que os 26 municipios do AECT Río Miño poden achegar, é o principio de actuación para mellorar a calidade de vida da cidadanía desta liña de fronteira.
No acto estiveron presentes José Manuel Carpinteira, director do AECT Río Miño e presidente da Cámara Municipal de Valença, e Luis López Diéguez, presidente da Deputación Provincial de Pontevedra. A reunión contou tamén coa presenza de Roberto Álvarez Carrero, vicedirector do AECT e alcalde da Guarda, e de Paulo Queiroz, primeiro secretario executivo da CIM Alto Minho.
Para José Manuel Carpinteira, director do AECT Río Miño, esta dirección executiva quere “reforzar o papel do AECT cunha actuación de proximidade, orientada á procura de solucións concretas para os problemas que máis afectan ás persoas, ás empresas e ás institucións que viven neste territorio”. Engadiu ademais que “debemos potenciar sinerxías e implicar todos os concellos que compoñen o AECT Río Miño no desenvolvemento integrado e sustentable deste espazo de cooperación transfronteiriza”.
Luis López, presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, destacou que “a alianza entre a provincia de Pontevedra e o norte de Portugal é clave para executar plans estratéxicos en ámbitos como o turismo, as infraestruturas, a cultura, o deporte e a economía”.
O AECT Río Miño é un agrupamento de cooperación territorial transfronteiriza, constituído en 2018, que abrangue 26 municipios: os 10 concellos do Alto Minho e os 16 galegos da provincia de Pontevedra. Este organismo abrangue un territorio de máis de tres mil quilómetros cadrados onde viven máis de 376 mil habitantes.
A sede do AECT Río Miño está situada na avenida Miguel Dantas, en Valença, nas instalacións que acollen diversos organismos de xestión do territorio.